|
|
|
Visita á illa SAN SIMÓN
|
|
|
 |
|
 |
|
|
|
|
|
|
|
O 24 DE NOVEMBRO, o alumnado de FPB do noso centro foron de visita cultural á Illa San Simón.
Á chegada á illa (en realidade un arquipélago, formado pola illa maior, a de San Simón, e a de San Antón), as dúas guías contratadas pola navieira tiñan deseñada unha ruta polos lugares e edificios senlleiros.
Puidéronse coñecer así as distintas etapas históricas polas que pasou o enclave, desde a época medieval e os seus monxes ata o uso actual como centro de recuperación da memoria histórica. Xa na mesma entrada, coñeceron o monumento aos trobadores medievais como Mendiño ou Martín Códax. Logo, o percorrido levou primeiro á capela coa imaxe de San Simón mutilada por Francis Drake (Francisco Dráguez, para os veciños redondeláns) e seguiu por puntos destacados como as distintas residencias (destacándose o edificio Stella Maris), os miradoiros, o monumento a Xulio Verne ou o cemiterio.
Un dos intres destacados da estancia na illa foi o percorrido polo seu museo, no que se puideron ver numerosas fotografías históricas, carteis e maquetas sobre, por exemplo, a batalla de Rande (que deixou a illa destruída), a época na que San Simón foi un lazareto para a cura de leprosos e (como os que viñan nos barcos de América) ou a situación de abandono do lugar a finais do século pasado.
Un dos obxectivos principais da visita era identificar elementos moi recentes da historia de España, como foi a ditadura franquista. Sobre o terreo, o alumnado entendeu as duras condicións de vida dos presos neste campo de concentración e a arbitrariedade de moitas detencións e execucións nas gabias de Redondela e arredores, sendo en realidade moi poucos os fusilados na mesma illa (que chegou a albergar a uns 6.000 presos en total).
O momento ximnástico da mañá, logo dun descanso para repoñer forzas, consistiu nunha xincana na que por grupos, se tiña que buscar polas dúas illas unha serie de preguntas relativas á súa historia, contestándose nunha folla de rexistro. A cualificación desta derradeira actividade variou entre os enquisados desde “moi divertida” a “inferno”, dependendo do exercicio que fixera cada un dos grupos, pero en todo caso reforzou os coñecementos adquiridos despois da primeira parte da visita.
Indubidablemente, San Simón é un dos lugares da contorna onde o pasado se atopa máis presente. A recuperación por parte do arquitecto César Portela realza os espazos de San Simón e harmoniza a natureza e a historia, coma no idílico e centenario Paseo dos buxos no centro da illa principal. No conxunto da visita, o alumnado puido identificar desde as fontes de inspiración dos poetas medievais ata a importancia das decisións históricas, que como no caso da creación do lazareto, determinan o desenvolvemento do porto de Vigo e directamente da propia cidade. Tamén, percibiu a necesaria conservación de espazos coma este e o respecto aos mesmos, posto de relevancia mesmo na entrega neste espazo dos Premios Xerais.
Ás 14:00 a expedición tomaba o barco de volta. Aínda houbo tempo para o absoluto lecer, participando nunha actividade de animación na cuberta que serviu de confraternización co colexio Maristas, co que se compartía o medio de transporte.
Acceso á galería de fotografía.
|
|
|
|
 |
A nosas REDES SOCIAIS!
|
|
|
|
|